Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/12/15

Fantasma

O Fantasma de Jo Nesbo, publicado por Roja & Negra, é unha novela que deixa un sabor de boca amargo polo final que se lle depara ao noso protagonista, o admirado e xa ex-policía Harry Hole, e polos flocos que deixa abertos, maxino que con intención de pechalos nunha nova novela. Pero amosa boa literatura cando mestura os diferentes puntos de vista e os distintos personaxes que acadan a súa propia voz e cando nos ofrece un revoltallo de xiros dramáticos que semellan non ter fin; ao mesmo tempo hai moitos personaxes sen profundidade psicolóxica que aparecen e desaparecen sen sabermos nin o porqué. Asemade, parece que o autor quere suavizar os tratamento da violencia ofrecéndonos menos "espectáculo" cruento. Iso si, o que nos conta dos baixos fondos de Oslo, é tremendo:  lonxe desa aparencia de tranquilidade na que cremos que viven os nórdicos. O que máis me segue a gustar é o propio protagonista, pola súa inestabilidade e porque non é un ser perfecto, iso si, é un policía e non o pode evitar.
A trama xira arredor dunha nova droga máis potente cá heroína que sacode o mundo dos estupefacientes e das persoas que a proban, converténdoas no que cumpra. De paso, a corrupción política (vaia, alí tamén hai corrupción).
De todos os xeitos, sigo a dicir que Petirrojo é a súa mellor novela, con diferenza, e iso que Némesis tamén é unha obra mestra. Jo Nesbo gústame, pero está moi lonxe daquelas novelas nas que a profundidade psicolóxica era enorme e facía da novela unha lectura moito máis ca interesante. Agardo que a próxima entrega sexa mellor.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.