Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/12/15

Lourenço, xograr

Fun convidada por Manuel Portas a acompañalo na presentación do seu libro Lourenço, xograr, Premio García Barros 2015, publicado pola editorial Galaxia. Unha novela histórica ambientada no século XIII onde pasearemos polo medievo da man da nosa exquisita lírica medieval.

Falamos dunha novela histórica que nos sitúa no século XIII, onde xograres e trobadores pasean cortes e pazos para divertimento de nobres e señores. Acomodémonos nesta nosa época de esplendor, único momento monolingüe da nosa historia e momento máxico da nosa Literatura –non esquezamos que a nosa lingua é cultivada nas cortes castelás-. Axuda a inmiscirnos no ambiente dese século a propia estrutura do libro ao estar introducido cada capítulo por un exordio tal como se viña facendo daquela. Manuel Portas utiliza un personaxe real, o xograr Lourenço, para regalarnos unha novela pola que pasean asemade personaxes tan reais como Afonso X ou María a Balteira con outras figuras inventadas e necesarias para esta ficción. Unha novela que acariña os reinos de Portugal, de Castela e de Galiza, “vendido por unha miserábel renda anual debido á ambición de dona Berenguela que despois de conseguir para o fillo o reino de Castela mediante as armas, unía o de León e Galiza con movementos arteiros e sen que a nobreza galega abrise a boca” como lemos na páxina 95.
De Lourenço temos poucos datos, a súa biografía dedúcese case exclusivamente das súas composicións e daquelas que outros trobadores lle dirixen. Son as tenzons as que nos procuran información básica como que estivo ao servizo de Joâo Garcia de Guilhade, que frecuentou a corte castelá de Afonso X e outras informacións das que Manuel Portas tirará máximo proveito para construír esta historia novelada arredor da súa figura.
Novela histórica tamén porque con ela vivimos os avatares das desavinzas do rei de Portugal e os seus nobres, os pactos palacianos, as intrigas eclesiásticas... tempos convulsos tanto política como socialmente. Será no ámbito palaciano onde se mesturan sedicións e empresas militares coas cantigas tanguidas, interpretadas e bailadas por músicos, trobadores, xograres e bailarinas, sendo o noso protagonista testemuño de excepción de canto ocorre e se perfila de acción na novela.
A carón destas intrigas, o amor e a loita por fuxir dos corsés das clases sociais. Pouco semella termos cambiado despois de todo! Daquela, sofre Lourenço pola súa condición de baixa estirpe que non lle permite ser trobador e si xograr, unicamente pola nacencia e non polo entendemento e habilidade que amosa unha e outra vez. Que triste é nacer pobre e non dar saído de aí! Cantas veces ao longo da historia ten cabido esta reflexión, mesmo neste noso século XXI, tan afastado da sociedade que nos propón revivir o autor; sabemos ben o que significa o berce aínda hoxe en día. Lourenço sofre a súa pobreza por partida dobre, xa que será asemade impedimento de amor lícito ou público. Neste ámbito sabe Lourenço que non pode loitar, tal como loitou por ser trobador e ser vilipendiado unha e outra vez neses debates literarios ben sofisticados chamados tenzóns.
Hai un momento no que fala o narrador de que Lourenço, por ser xograr, é mellor compositor de cantigas de amigo que de amor, xa que as primeiras son as nosas autóctonos e as segundas proveñen da Provenza. E é que a nosa lírica soubo mesturar ambas tradicións para crear cantigas nas que mesmo rirse dos tópicos encorsetados da lírica provenzal.

Dividida en dúas partes, na primeira delas temos un mozo Lourenço que comeza a descubrir o mundo. Un mozo afouto que non teme erguer unha espada para defenderse. O primeiro capítulo ligarase co último do libro e da segunda parte conseguindo tecer unha novela circular.
A primeira parte, diciamos, está introducida por unha cantiga de amigo na que Lourenço autoeloxíase xa que ninguén o vai defender mellor que el mesmo dunha longa discusión sobre as súas cualidades artísticas. Logo, temos ese neno que se converte en heroe e en xograr, que viaxará a Compostela, que coñecerá a Pero Meogo, que nos ensinará a través dos seus ollos a vida cotiá da Galicia medieval. Oito capítulos que conforman a metade da novela onde o neno Lourenço deixará clara a súa intelixencia e a retranca, e que deberá valerse por si mesmo na súa madureza existencial a través dos ollos dun narrador omnisciente.
Dúas cantigas de amigo máis poderemos ler nesta primeira parte. Na páxina 100, unha pequena peza onde a moza describe o modo como ela e o seu amigo senten unha gran paixón; e na páxina 140 onde unha moza namorada canta unha cantiga de amor desexando ser escoitada polo seu amado.

Na segunda parte cambiamos de terzo e cada capítulo será contado por diferentes personaxes: o propio Lourenço, o seu mestre ferreiro, a súa nobre amada, o trobador Guilhade, Maria Peres a Balteira, o propio rei Afonso, Sancha a sobriña do Guilhade e por último un narrador que nos conta as últimas andanzas do noso prezado protagonista e a función final, sen música. Os diferentes puntos de vista dannos a oportunidade de coñecermos a figura de Lourenço a través doutros ollos, pero tamén iremos progresando na acción que debe mediante analepses e prolepses informarnos da evolución da súa vida.
E de cando en vez, unha cantiga, unha tenzón.
Na páxina 157 unha tenzon sobre a arte de trobar do noso protagonista. Na páxina 193 unha cantiga de amigo que fala da ledicia disimulada da amiga que sabe que o mozo vai regresar. Na 233 outra tenzon, seguramente incompleta. E por último na 270 unha cantiga de amor que fai referencia ao casorio forzado da súa “senhor”.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Libro intragable.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.