Marabilla das marabillas este cómic sen palabras de Chabouté que publica Planeta Cómic: Un poco de madera y acero é ante todo unha idea orixinalísima: a historia dun banco dun parque. Un banco que nos conta a vida dende a súa perspectiva: as persoas que pasan cada día por diante del, o can que mexa sempre nunha das súas patas, o vagamundo sen casa que durme encima e é reprendico polo policía cada noite... Un banco dá unha gran vida a estas máis de 300 páxinas de morriña, amor, desasosego, tristura e realidade. E un final máxico.
Un cómic que se torna en imprescindible. Non cómpren palabras para vivir todo o que nel se nos conta. Os múltiples protagonistas que cruzan polas súas páxinas falan por si sós e amosan unha sensibilidade única. A vida, mísera e alegre, a vida que abraia, a vida, en fin, de cada un de nós. Esa é a vida que pasa por diante deste banco e sobrepasa as páxinas deste cómic.
Brillante.
Sen comentarios
Publicar un comentario