Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/12/15

Unha casiña branca

Publica Xerais un novo libro de Marcos Calveiro na súa colección Sopa de Libros: Unha casiña branca conta con ilustracións de Marcos Viso. Presenta o autor un mundo completamente desolador, de lixo literalmente, -el mesmo fala dunha "distopía infantil"- que converte a lectura nun exercicio de esperanza, mensaxe final do libro. Marcos Calveiro fai reflexionar sobre unha natureza que non coidamos, un mundo que de seguir así o ser humano transformará e estragará, convertendo a propia terra en cheirume e degradación. Novela apocalíptica infantil que serve para nos introducir no coidado do medio ambiente -estes días está a haber unha xuntanza de líderes mundiais sobre este tema, que casualidade!- e que poder ser unha escusa para concienciar a rapazallada da importancia de actos tan sinxelos como pode ser a reciclaxe, converténdose asemade nun instrumento útil con esta fin.
Entrementres, o instinto de supervivencia e a importancia dos recordos e dos soños persoais pulula por todas as páxinas do libro. Unhas páxinas que son testemuño novamente da riqueza léxica do autor, vizosa demostración literaria.
Marcos Viso sabe interactuar co tema proposto e amosa unhas ilustracións que mesturan a catástrofe coa tenrura e a delicadeza en tons pasteis. Dáme a min que este ilustrador vai dar moito que falar no futuro.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.