O último de Diego Ameixeiras, A noite enriba, publicada por Xerais é unha novela negra metaliteraria que se converte nunha homenaxe a David Goodis -ao rematar este libro hai que buscalo e lelo, sen dúbida ningunha- dende a perspectiva dun escritor de novela negra chamado Ricardo Barros; o feito de que o protagonista sexa un escritor dá pé a Ameixeiras para falar da soidade da escrita, das súas obsesións e das dificultades económicas. Nesta novela cruzaremos o charco para ir dende Oregón ata Filadelfia, na procura dese escritor de novela negra esquecido por estar a carón doutros grandes como Thompson ou Himes; este feito será a coartada que terá o noso escritor Ricardo para ir ata alá; pero este personaxe fúndese nunha máscara que será a da morte, a da escrita, a da vitalidade enmarcada nas páxinas noveladas. A melancolía dun escritor en horas baixas será un dos eixos da novela sobre o que fluctúan outras accións propias de novela negra: drogas, asasinatos, e unha policía que investiga e sofre, asemade, na soidade da súa vida. E unha protagonista feminina que nos deixa irremediablemente desenfocadas, unha Selma que sofre e que tenta fuxir dunha realidade que a asusta.
Como marca indiscutible deste autor, a escrita fragmentada, o cruzamento de tramas narrativas, os saltos temporais e espaciais, e ese Oregón tan preto de nós para pasearmos. Un Oregón que flúe ata Filadelfia pasando por Barcelona en movementos de ondas temporais nun itinerario sorpresivo.
Sen comentarios
Publicar un comentario