Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/01/16

Cicatriz

Deixoume desconcertada a lectura de Cicatriz de Sara Mesa publicada por Anagrama. Desconcertada polo final, pola actitude da protagonista que eu presumía inicialmente que ía desviarse por outros derroteiros ben diferentes, por esa nostalxia que pendura da última liña. Porque o libro vai dunha relación de codependencia entre dúas persoas solitarias que se establece a través de Internet. Unha relación desasosegante á que contribúe o xeito da narración, xa que o estilo é sumamente escueto, nu, onde se ocultan os sentimentos; mesmo os saltos temporais están ao servizo deste desasosego existencial que nos asolaga coa lectura, mentres teremos que ir enchendo ocos temporais e espaciais que a propia autora non ofrece. E destaca, asemade, a falta de dramatismo, a pesar do tema, da relación que non satisface pero que semella necesaria para respirar e seguir adiante.
E como pano de fondo, os libros e a lectura.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.