Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/01/16

Matriarcas. Mulleres en pé de vida

Montse Fajardo preséntanos en Matriarcas. Mulleres en pé de vida dez historias de vida e memoria sobre a guerra civil e as súas devastadoras consecuencias. Mulleres que sufriron e que grazas á autora forman parte da nosa memoria colectiva, dende todos os perfís. Porque sobre todo, o libro é un enxalzamento da muller, do seu traballo, do seu silencioso sufrimento. Matriarcas reflicte o que quedou, as consecuencias marcasa a lume para as mulleres. E tamén o machismo social. Porque a represión sempre vai máis alá do que está a simple vista, e a autora consegue entrevistar a estas mulleres reflectindo fielmente o que contan sen a súa intervención. A fame, tremenda, a violencia do fascismo, a crueldade, e o papel das mulleres como sustento, apandando con todo, sendo os piares fundamentais nun matriarcado que significa que as mulleres teñen que facelo todo, mesmo prostituírse, para sacar adiante a familia.
Gloria Lijó, Amalia Limeres, Pilar Iglesias, Waldina Pereira, Delia Núñez, Carmen Trigás, Luz Durán, Rosario Rodríguez,  Tareixa Navaza e Carmen Meaños deixan a súa voz na pluma de Monse Fajardo para que esta nos transmita canto de crueldade hai nun mundo que ás veces queremos esquecer.

2 comentarios:

David Iglesias González dixo...

Gracia, non puiden acudir ao clube de lectura, por motivos persoais, pero mira: Penso que a autora non pode titular un libro "Matriarcas en pe de vida", cando na dedicatoria xa di: "A tódalas mulleres que levan sobre os seus ombreiros O PESO da súa vida"... Vaia dedicatoria... Continua despois no limiar se te fixas ben: "Baixo a choiva... Axeonllada... Ou o que di, ademais, "O peso DO IMPORTANTE, O PESO DO SAL DAS SÚAS VIDAS... Non quixen continuar lendo porque xa sabía o que ía escribir no libro "Un cesto de mazás" e tamén en "Matriarcas"... Se se trata a igualdade de xénero débese partir dunha posición de valentía, as mulleres das que fala a autora sacaron este país adiante pero tiveron unha idea moi clara que pedían a súa liberdade non pedían ser iguais. Non pedían iso. Por iso xa non se trata da igualdade, senón da liberdade de xénero. Hai que ir más alá e é necesario levar esto aos extremos. E desculpa se teño faltas de ortografía, hai moitos anos que deixei de estudiar por ter unha das enfermidades máis severas de este mundo, o feito de non poder seguir estudiando foi a frustración da miña vida. Un saúdo, e aperta forte.

Ronsel dixo...

Precisamente do que fala nos dous libros é da liberdade, liberdade para pensar e ter ideas diferentes ás do bando nacional... e fala das represaliadas, de todo canto sufriron por mor dunha guerra civil inxusta e as súas consecuencias.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.