Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/01/16

Ritos funerarios

Encantoume este libro, absolutamente, polo conmovedor, tenro e mesmo pola súa solidez: Ritos funerarios de Hannah Kent está publicado pola editorial Alba. A historia é real e sabemos dende un principio cal é o final: a última muller decapitada de Islandia; un lugar tan pobre que a moza tivo que ser custodiada nunha casa, onde o prioritario era facer que o xélido frío non acaparase o fogar. Arredor da vida nesta casa e con esta familia, iremos destecendo a historia da protagonista, Agnes, con tres narradores diferentes. Non só quereremos saber esta última historia, senón que tamén nos faremos cos habitantes da casa, e quizais é aquí onde frouxea momentaneamente a novela, posto que os personaxes quedan un pouco abandoados para centrarse nos sentimentos da protagonista -a novela gañaría moito máis se despregase o abano de posibilidades que presenta-. Ao pasar as páxinas, iremos apreixando cada palabra e sentimento de todas e todos eles, desgranando a verdade de canto aconteceu e a inxustiza social que sempre arremete contra os máis desfavorecidos. E aquí reside a fascinación que provoca a novela, nese sentimento que logra arrancarnos a uns lectores que sabendo que se foxe do sentimentalismo en todo momento e sen caer nel, abrumándonos cun final que sabiamos dende o principio, pero aínda así rexeitabamos nunha especie de esperanza desesperada por procurar unha xustiza inexistente. Aquí reside a grandeza dunha novela que vos recomendo, na sinxeleza dunha historia baseada en feitos reais que nos atrapa e conmove. Porque o fondo ferve tras esa friaxe que arremete non só no espazo propio da novela senón nas páxinas impresas que temos na man.
Asemade, cada capítulo comeza con fragmentos de documentos oficiais sobre o caso. E saberemos tamén que na Islandia de finais do século XVIII o alfabetismo era xa de case o 100% da poboación. O mesmiño que aquí!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.