Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/01/16

Un cesto de mazás

Montse Fajardo ofrécenos en Un cesto de mazás un monllo de vidas, de penurias, de historias abraiantes que provocan a nosa repulsa cara a todo aquilo que somos: seres humanos. Por que? Por relembrarnos ata onde podemos chegar e a crueldade que podemos acadar por, simplemente, vinganza, ideoloxía, rancor. O peor é que a autora nada ten que inventar, todo estaba aí, neses testemuños que lle foron ofrecendo as familias dos represaliados. Montse Fajardo ofrécenos dende a valentía de contar aquilo que estaba agochado 16 relatos que provocarán, antes de nada, as nosas bágas. Como impedilas? Dentro do Horror, do Holocausto galego da guerra civil, hai lugar, incriblemente, para a tenrura, para a sensibilidade. Un mérito desta autora que coa súa voz potente e clara espertános do noso soño.


Asemade, este libro constitúe un exemplo marabilloso: facer historia a través da oralidade. Porque Montse recolle e logo traballa, documéntase, contrasta.

En Un cesto de mazás os protagonistas non son só Manolo de Socorra, Amando Iglesias Pérez, Paulo Novás, Josefina Arruti, Ramón Barreiro Rodríguez, Castor Cordal Garrido, María Vázquez Suárez, Antonio López Acuña, Luís Pereira, Ernestina Otero, Antonio Alejandre, Paco Reirís, Antonio Mojón, Ángel Huete, Celestino Carbia Campaña, Angelina Fernández Roces, Perfecto Allo, Urania Mella, Humberto Solleiro, Andrés Roo e Ramiro Torrado. A carón deles están as fillas e os fillos, as nais, irmás e netas: Tucha García, Rosa Iglesias, Carmiña, Josefina Arruti, Elena Barreiro, Josefina Cordal, Josefa e Teresa Mojón e tantas outras.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.