Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

22/03/16

Diario de una Femen

Na editorial Norma poderemos atopar este cómic de Michel Dufranne e Séverine Lefebvre, Diario de una Femen, un libro que a priori semellaba moito máis interesante do que é o resultado, aínda que coido que está ben achegarse á súa lectura, algo coxa dende o meu punto de vista.
Nas súas páxinas acompañaremos a Apolline, unha moza que nos amosa o machismo social da sociedade na vida cotiá, algo que, farta, levaraa a achegarse ás Femen, onde o primeiro que lle ensinan son os tres piares a combater sobre os que se asenta a asociación: ditatura, relixión e industria do sexo. Logo vén unha parte que me estrañou, xa que semella un documento onde as Femen dedícanse a "adoutrinar" e converter ás mozas en algo así como guerreiras revolucionarias. 
Chamoume a atención negativamente o feito de insistir na beleza fotoxénica da protagonista, así como os estereotipos tanto masculinos como femininos nos que o cómic cae continuamente (asemade, temos que o pai da protagonista semella seu irmán, algo que ata me custou entender: o debuxo non está nada conseguido, coido). O final tampouco me parece o máis axeitado, ata case un dislate que non conseguín entender de todo.
Así pois, o cómic presenta claroescuros. Está ben amosar como é o día a día que calquera moza e dos acosos que ten que soportar, así como das actitudes machistas que a sociedade nin ve, pero deixa na superficie algo moito máis profundo e serio como precisamente aquilo que se quere combater con cómic coma este: o machismo e a nosa loita contra el.







Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.