Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/03/16

Los bastardos de Pizzofalcone

Hai autores dos que non podo fuxir. Un é este, Maurizio de Giovanni, e cando vexo un libro seu é territorio obrigado. Así que cando entrei na libraría e descubrín que había novo libro, xa tiña lectura, a pesar de que na miña mesiña amoréanse libros e libros. Pero hai prioridades! Así que mergulleime na lectura de Los bastardos de Pizzofalcone, publicado por Roja & Negra, unha nova entrega deste inspector de policía que saíu á luz con El método cocodrilo. Giuseppe Lojacono ten agora novos compañeiros e compañeiras, e seguimos as súas andanzas entre amizades que poden ser amores e novas investigacións, cun final medio aberto onde a filla semella que vai cobrar máis protagonismo; a ver que ocorre nas próximas entregas. De momento, gústanos este xeito de investigar calmo  e concentrado onde se procura sobre todo pórse no lugar das vítimas, e tamén dos agresores para dilucidar o misterio. A obra ademais introduce ao lectorado nas miserias e logros deste novo equipo de policías que vivirán na comisaría, regalando historias interesantes das que queremos saber máis, co cal o libro convértese máis nunha historia coral que nun traballo de investigación único. O estilo poético do autor segue presente nestas vidas cos seus agochos propios, e tamén na descrición da corrupción e a súa sordidez.
Así que si, seguirei agardando as novas entregas deste autor con este policía... e con outro calquera. Gústame.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.