Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/03/16

Masculino singular

Se Carlos Negro non existise, teriamos que invitalo: é unha necesidade. Primeiro logrou unha conversa poética con adolescentes sobre velocidade irresponsable para logo ofrecerlles unha reflexión sobre machismo e estereotipos; arestora, a proposta de Carlos Negro vén dada por unha declaración de intencións que ogallá non fose necesaria pero si o é: Masculino singular, publicado por Xerais. A voz poética do libro fala da necesidade de (re)coñecer a masculinidade a carón da feminidade e non enfronte, así como de saber de tenrura e de sensibilidade; unha voz masculina que cre e declárase feminista, heterosexual comprometido co respecto que procura nos versos o retroceso do sangue callado e silenciado, a delicadeza das palabras que non feren. E é esta voz poética a que ao mesmo tempo denuncia a violencia, o machismo denigrante e as inxustizas que provoca, o estigma que supón na nosa cultura todo canto abrangue o xénero feminino. E sobre todo denuncia os estereotipos de xénero que aínda hoxe nacen canda o bebé: "os nenos non choran" e as consecuencias que isto provoca.
Falamos dunha sociedade do século XXI en evidente retroceso na que máis ca nunca cómpre volver os nosos ollos a lecturas coma esta que demana "tenrura para o seu sexo" para poder "ser feliz admitíndoo diferente". E é que só admitindo e repectando as diferenzas a nosa sociedade poderá ser sa, ou sexa, normal. Semella ben difícil conseguilo!

Unha poética de dobre folla:
suave e apurada por fóra,
pero cun gume cortante por dentro.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.