Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/03/16

Quen dá a quenda?

Héctor Cajaraville demostra o seu sentido do humor, novamente, con este libro que resultou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil 2015: Quen dá a quenda? que vén de ser publicado por Xerais con ilustracións de Ignacio Hernández. Unha proposta xenial para un lectorado que ten asegurada a súa diversión con esta lectura. 
O autor constrúe un mundo de personaxes que xiran arredor dunha bruxa boa que todo o arranxa e que verá que facer o ben toda a vida (vida longa por outra parte, xa que ten máis de 100 anos!) terá a súa recompensa. Personaxes todos eles chamativos, que ocuparán tan só unhas poucas páxinas, porque estamos ante unha novela coral de personaxes variopintos que necesitan axuda variada. E así teremos un dicionario de dous tomos a quen lles marchan as letras, unha mesa demasiado sabida, un sapo que quere cantar, un porco que só come alimentos que empecen por P, unha nube sen forma, unha formiga obreira que quere ser raíña para que non se traballe tanto, un barco que se marea, unha bolboreta que perde as súas fermosas cores... e moitos máis; quedádevos sobre todo en como se formou a fervenza máis fermosa do noso país!!! Porque non só poderemos observar as estrañas criaturas que pasan consulta, senón que o narrador tamén dará contra daqueloutras que agardan e das que nos dará unha miaxiña de información. Todos e cada un dos personaxes son orixinais e todos nos interesarán.
E xa de paso que nos divertimos, un pouco de crítica social con ese rotundo case final onde o Ministerio de Facenda séntese defraudado porque non hai unha declaración de bens e dos negocios da nosa xenerosa bruxa que non cobra a cambio de arranxar a vida dos personaxes. Pois vaia! Demolición, que é o que importa, aínda que se libre do cárcere.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.