Antonio Manuel Fraga vén de nos facer unha proposta máis ca interesante de lectura para o público xuvenil: Tártarus, publicado pola editorial Xerais na súa colección "Fóra de xogo". Un libro que sei que vai gustar ao meu alumnado pero que me vai traer problemas polo final. Tempo ao tempo!
Gústame a proposta porque hai unha dobre historia, a da nena que debe aprender a tocar un instrumento e que aprenderá, pola contra, a amar a historia oral e a quen lla conta, e logo a historia que vén narrada -e tipograficamente sinalada- que nos atrapará na súa aventura. Dúas mozas serán as protagonistas de ambas historias, dúas mozas afoutas e rebeldes que se ven capaces de manexar a súa propia vida.
Guiomar é unha adolescente que quere practicar o seu deporte favorito e verase obrigada a outros mesteres; esta Guiomar protagonista dunha das historias está contando as súas lembranzas, algo que nos deixa claro ao comezo e antes mesmo do inicio propio da novela e onde afirma que o que imos ler a continuación é o resultado do traballo realizado nuns meses.
A intrahistoria está protagonizada por Átika, unha nena o suficientemente valente para ir soa a un lugar prohibido para asistir a un concerto, e que se verá mergullada nunha aventura perigosísima con Fuco, un neno da rúa, quen será un excelente compañeiro e que salvará un lugar predestinado á destrución.
O derradeiro parágrafo do libro promete ao lectorado proseguir novas aventuras.
Non esquece o autor engadir un "Glosario de termos" para que nos sexa máis doado penetrar nun mundo alleo ao noso, un mundo que por veces está moi preto e outras nada ten que ver co noso coñecemento; asemade, ao comezo de cada capítulo tamén hai un "recorte" de información complementaria (cunha letra tan miúda que a min cústame lela) e que está relacionado co capítulo.
O libro resulta un exercicio de imaxinación e de lectura prácida. E ao escritor creo que lle queda moito por dicir.
Sen comentarios
Publicar un comentario