Cando volve Jo Nesbo, eu estou a agardalo. Non pode ser doutro xeito, tenme enganchada coma poucos. E desta volta gustoume máis cós últimos libros. Policía, publicado por Roja & Negra, é a continuación do anterior Fantasma. Sorprende nun principio a evolución que tomaron os acontecementos entre ambas novelas. Pero desta volta hai que recordar ben como rematou a anterior para entender esta. E atopamos un Harry Hole diferente, recuperado, namorado e encargado de dar aulas. Ata que ten que volver ao seu, a aquilo para o que naceu. Respiramos con ledicia cando nos percatamos, despois de tantas dúbidas, que o noso escritor non o matou, senón que se permite ata darlle tantos momentos de felicidade que sempre lle foran negados. A ver que acontece con el na próxima entrega, porque imos de sorpresa en sopresa. De momento, con esta novela quedamos suxeitos ao papel sen poder movernos ata saber como remata, porque en case cada páxina hai un sobresalto que nos atenaza e nos conmove. Iso si, temos a esencia eterna do noso prezado policía, un home que se move polo seu afán de xustiza ante todo, aínda tentando priorizar os seus sentimentos, a procura da verdade e a detención dos asasinos sempre será a súa prioridade. E a súa intelixencia e capacidade de observación non require máis que as páxinas dun libro para conquistarnos.
Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.
12/04/16
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Sen comentarios
Publicar un comentario