Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/05/16

Presentación de "Masculino Singular"



Sempre é un pracer estar cos amigos, coa xente que se quere. E se un destes amigos presenta un seu libro, a satisfacción e o orgullo é dobre. Así que si, onte, no museo da vila, Carlos Negro presentou o seu último libro de poemas ("sei que escribo poemas pero non sei se fago poesía") publicado por Xerais.
No acto estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Lara Fernández, e o seu ex-profesor Mario Pereira, quen incidiu neste feito e na emoción que para el supuña que Carlos, alumno del hai case 30 anos, amosase a súa ideoloxía feminista mediante un libro que provoca tantos sentimentos.


Déixovos o texto de Carlos:

Corte de afeitado (apuntamentos arredor de Masculino singular)
1. Masculino singular nace dun corte do afeitado. Do sangue da escrita. Ou como adiantou Rosalía de Castro, do sangue das entrañas.
2. As miñas entrañas son as dun home de mediana idade que decide profundar no espello e mirar que imaxe lle devolve o tempo, a memoria, os ritos tribais, a cultura dominante, a estirpe e as tripas. O rostro dun ser en evolución, que non quere seguir participando dese círculo vicioso da herdanza recibida, do poder arbitrario, dos privilexios mantidos con violencia, real ou simbólica, porque o noso destino semella seguir sendo machos e os nosos falos son lanzas erectas polo Poder, así con maiúsculas.
3. Estes poemas son efectos secundarios do(s) feminismo(s), da súa potencia transformadora, que foi modificando, sobre todo na última década, o meu xeito de pensar e de sentir(me); son poemas escritos non para portar ningunha pancarta que reporte unha recompensa de progresismo , senón para albiscar, entre as ruínas do noso tempo, un ecosistema cultural onde ningún bardo da tribo impón o seu criterio por collóns . Porque se é certa a hipótese de que está a conformarse unha nova masculinidade, debe medrar desde a ética, e non desde a cosmética. Porque máis alá das aparencias, o dinosauro do machismo segue a estar aí, obsceno e prepotente.
4. Por suposto, estes poemas escríbense desde unha posición ética, o cal non implica adoptar o posicionamento do sacerdote no púlpito da igrexa. As armas preferidas de Masculino singular son a ironía e a desmitificación , non a contundencia do panfleto.
5. Neste contexto, o libro representa un combate puxilístico contra a chatarra semántica que propaga o machismo como un andazo, sen diplomacia ningunha. Mergulla a voz nos residuos lingüísticos do patriarcado, na súa pornográfica inmoralidade. Porque sobrevivimos atrapados nun hipermercado de Carne
hipertrofiada e despezada a gusto do consumidor, e ao alcance dun clic ou dun toque do dedo nas pantallas. Consumo de destrución masiva, corpos lowcost 24 horas 365 días ao ano.
6. Sei ben de onde procedo. Dunha cultura heterosexual dominante baseada na pornografía e na prostitución. Dos ritos de paso á idade adulta nos puticlubs de polígono industrial. Dunha mitoloxía adolescente baseada en ereccións e mamadas. Dunha linguaxe agresiva ata o delirio, onde a maior parte das mozas con iniciativa sexual eran definidas como zorras, sen ningún tipo de eufemismo. Si, sei ben de onde procedo. Pero tamén sei que xa non quero regresar aí . Nunca máis. Porque son responsable da educación dun fillo de dez anos e non quero que o aprendan a ser un home de verdade . Porque a paternidade merece ser vivida como unha opción de tenrura activa, e non lle acae tanta misoxinia nin represión dos afectos.
7. Este conxunto de poemas pode lerse como se estivésemos a pasear por unha sala de múltiples espellos, onde os reflexos se multiplican e permiten unha mirada poliédrica. En realidade, Masculino singular foise construíndo como un conxunto de textosespello que se complementan entre si, ben por asociación, ben por contraste. E esa asociación enriquece o sentido, multiplica as posibilidades interpretativas. Porque os espellos, moitas veces, existen fóra do texto, noutras voces que constitúen un punto de partida, ou quizais un punto de fuga do discurso.
8. Este corpus poético sería pouca cousa sen esa transfusión sanguínea que recibe dos versos de Rosalía de Castro e Mª Xosé Queizán, de Isolda Santiago e Xohana Torres, de Denise Duhamel e Ana Romaní, ou mesmo do austríaco Peter Handke e de Juan Carlos Mestre. E, por suposto, tamén hai no libro algúns diálogos por negación: Pondal e Ferrín serían, neste caso, dous magníficos exemplos, porque seguen a ser mestres da palabra, pero non os mestres que iluminan o porvir.
9. Fin das citas textuais. A fin de contas, non vimos a este mundo para entrar na Real Academia dos Bos e Xenerosos. Que se lle vai facer. Quen lles fala só escribe poemas, con maior ou menor acerto. Punto final. O resto, incluído o mérito da lectura, está fóra do seu alcance.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.