Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/05/16

Un gusano en la fruta

Gústame moito este autor de cómics, Rabaté -un dos máximos representantes da Nouvelle BD-, por iso non dubidei en achegarme a este que publica Norma: Un gusano en la fruta. Con el imos ata un pequeno lugar francés de cultivo da vide, onde comprobamos que hai grandes donos de terreos, déspotas que teñen moitos empregados e outros donos que non teñen tantos pero que se van defendendo. Aquí xorde o conflito, entre dous homes donos de terreos, un deses conflitos que semellan herdarse de xeración en xeración e que non parecen ter fin... ata que aparece a gran dama negra, aínda que sexa por un accidente. Logo de coñecermos o lugar e os feitos vannos presentar un protagonista estraño: un cura que por primeira vez foxe da súa nai para facerse carfo da súa parroquia; este pronto descubrirá que a vila idílica que esperaba nada se parece aos seus soños ideais; e descubrirá, daquela, a ruindade do ser humano. E ata aquí poderemos contar.
Iso si, recomendarvos un cómic que podería pertencer ao xénero negro pero que ao mesmo tempo trata a vida con ironía, con sarcasmo, con humor. Porque o ser humano, home e muller, está cheo de claroescuros. E así os veremos.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.