Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/05/16

iFala

Vino no Facebook de Goretti Sanmartín cando o ía traer para aquí:

Magnífico e divertido traballo de síntese. Un moi bo guion, un execicio de actualización de referentes estupendo, unha voz que nos conduce de xeito frenético e sen decaer... Parabéns pola iniciativa e por crear materiais de indubidábel utilización didáctica. Esperemos que o ano das Irmandades teña continuidade e que o curso 2016-2017 sexa o momento de aplicar, de distribuír e levar todos estes materiais ás aulas, aos encontros culturais,..., para deixar pouso, para nos reinventarmos a partir deles...
Unha única cuestión para reflexionarmos para o futuro: sendo certo o machismo existente naquela altura (e diferente na súa materialización ao de hoxe, mais con moitos eixos transversais que perviven e están ao noso redor) e, por tanto, a presenza masculina é a que prevalece en toda a actividade sociopolítica nesta altura, fica aínda por afondar ben -e, sobre todo, por divulgar- no papel das mulleres. Moitas delas estiveron nun papel "secundario", nun posto non principal, é verdade. Mais isto tamén acontece porque decidimos que é o prioritario, que é o principal. A relevancia, de maneira especial, das mestras da época, está por estudar. A práctica dunha pedagoxía avanzada, innovadora, era unha revolución na época. Tamén cómpre detérmonos no xermolo das xornalistas. Cada día imos coñecendo máis e máis o papel dalgunhas mulleres. Hoxe xa podemos nomear algunhas. Mesmo algúns labores, como o editorial de Ánxel Casal, non existiría igual sen a enorma contribución á causa de María Miramontes. Debíanos preocupar que traslademos a idea de seren feitos individuais, illados (Elvira Bao, Micaela Chao, Amparo L Jean, María Miramontes, Mari Luz Morales...) e trazar liñas en común para pór en valor o seu papel, sen dúbida máis importante do que pensamos e do que está estendido entre nós. Nese sentido, unha recomendación para comezar: ler, de principio a fin, o A fondo do Sermos Galiza sobre A Galiza das irmás.

iFala from Illa Bufarda on Vimeo.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.