Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/06/16

Como viaja el agua

A este libro chégase, sen dúbida ningunha, pola portada, que é, para min, magnífica, xa que convida a entrar nas súas páxinas sen nin sequera mirar a contraportada para saber a que nos enfrontamos. E, certo é, non contabamos ler o que se nos vén encima. Falamos do cómic publicado por Astiberri Como viaja el agua de Juan Díaz Canales. Un libro que nos achega á dura e crúa realidade da vellice, dun tempo que vivimos -ou viviremos- sen ilusión, agardando por un final que chega sen ameazas, sabendo que aí remata todo, que non hai nada máis; coido que é este o tema central, dese medo á morte que vivimos a cotío -eu son testemuña del todos os días- pero tamén da certeza de que logo non hai nada, a pesar de que o que nos venden as relixións é algo ben diferente. Tamén é un cómic social, que fala da crise e da solidariedade, de boas persoas que se axudan e de desalmados que se aproveitan. E tamén temos o tema das relacións familiares, das xeracións e os seus xeitos diferentes de enfrontarse ao mesmo mundo.
Supoño que estes días estou especialmente sensible con este tema da vellice e da morte, por circunstancias persoais, e as palabras e as súas imaxes chegan a min doutro xeito.
Chama asemade a atención o final, a ausencia de optimismo, as cloacas como motivo perturbador que nos atrae a unha falta de esperanza; quizais o leit-motiv da auga está xa ben explotado, pero as frases e os debuxos que nos agasalla o autor dálle un toque inesquecible a este cómic tan tristemente fermoso.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.