Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/07/16

Crimen en el Barrio del Once

Crimen en el Barrio del Once (El primer caso del comisario Lascano) de Ernesto Mallo, publicado por Siruela, -primeira dunha serie que protagonizará o comisario Lascano- ten pouco de novela negra e moito de novela social. Por que digo que é máis unha novela social ca negra? Porque aínda que o punto de partida poda ser un asasinato e a súa investigación, o que realmente importa e lemos é o contexto social da ditadura no que se desenvolve a acción; unha sociedade rachada por un exército que pode aparecer en calquera momento e levarse vidas humanas con total impunidade. A violencia e a tristura e o medo derivados daquela é unha protagonista principal do libro. Ademais, esta tristura vese reflectida na soidade do comisario, quen non pode superar a perda do seu amor. O libro, aínda que curto, non só nos contará a historia desta soidade, senón que tamén nos contará a historia doutros personaxes que serán relevantes na investigación, por iso non hai unha trama de non sabermos quen é o asasino, senón que o lectorado saberao antes que o propio comisario; non hai por tanto intriga, non é isto o que lle interesa a Ernesto Mallo. Coido que o importante reside no contexto da ditadura, na lembranza da historia e da crueldade dos seus protagonistas. Esa historia que non debemos esquecer para impedir que se repita. O atropelo de dereitos humanos unha e outra vez, contado en presente, para que nos quede ben claro como aconteceron os sucesos.
Impresionante

“La otra noche pensé que estaba en pecado por haberlo robado. Usted no robó nada, Maisabé, usted salvó a este niño. Sí, pero la madre… La madre no fue capaz de protegerlo y se metió en cosas que no debía. Usted no es culpable de lo que le haya pasado. La única culpable es ella misma, debería haberlo pensado mejor antes de meterse en lo que se metió.”


 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.