Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/07/16

Soy Pilgrim

Cando me vin mergullada nesta crise lectora, motivada por moito máis que polo cansazo da fin de curso, recomendáronme que me achegase por fin a este libro que descansaba na miña mesa de noite dende había un bo tempo e que se vía condenado a ir cara abaixo por mor dos novos títulos que o ían engulindo e que agora agardan a que teña verdadeiras ganas de os coller. 
E menos mal que fixen caso! Terry Hayes constrúe en Soy Pilgrim, publicado por Salamandra, unha novela irresistible que vén a ser unha novela de aventuras combinada cunha novela negra, cunha novela de detectives cunha novela política cunha novela de... Todo cabe nas súas máis de 800 páxinas que semellan moitas menos pola velocidade que irresistiblemente lle imprimimos.
Dicimos que é novela de espionaxe porque partimos dun axente da intelixencia americana que debe actuar contra un bioterrorismo incontrolable; pero ademais as páxinas van medrando en intriga e en tensión, organizándose nun puzle que ten anacos en lugares inimaxinables polo que iremos dende Estados Unidos ata Gaza, pasando por Turquía, Rusia, Grecia, Francia... e Afganistán. Menos España, sae de todo! Do lado do "maligno" teremos un personaxe extraordinario que tamén dará moito de si, ou sexa, veremos dúas intelixencias en acción, aínda que saibamos quen gaña porque está contada en primeira persoa.
Unha delicia pasar o tempo entre as súas páxinas!




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.