Amósanos Julian Barnes en El ruido del tiempo, publicado por Anagrama, as difíciles relacións que a arte e quen a representa establece co poder, máxime cando falamos de totalitarimos.
O autor sitúanos na Rusia de Stalin, alá polo 1936, cando o ditador acode á represantación de Lady Macbeth de Mtsensk de Dimitri Shostakóvich e realiza unha crítica demoledora. Dende entón, o músico converterase no maior músico do réxime. Que acontece para que haxa este cambio? Existe a liberdade? É o medo quen domina sobre as nosas conciencias? Deberemos loitar por aquilo no que cremos ou renunciar a todo canto amamos por seguir vivos? Debe estar a arte ao servizo do goberno?
No libro vemos como o compositor agardou durante anos unha visita a media noite, esa que lle deparaba a morte. Como sobrevivir a esta anguria cotiá? Asemade, Barnes amósanos un músico de carácter tímido, pusilánime, obsesivo. Tiña este ser o carácter suficiente para loitar contra o Poder? Shostakóvich sufriu a perversión do totalitarismo político, quedando sen autoestima, sufrindo impotencia e medo. E si, seguir producindo música, porque esa era a súa única forma de vida, o seu xeito de comunicación cos outros seres humanos. E decidiu seguir adiante, realizar unha pantomina ao servizo da Rusia soviética, a sabendas de que non estaba de acordo, de que el consideraba a alma rusa pesimista e non luminosa.
Barnes non só nos amosa os feitos, senón que fainos partícipes dos pensamentos do músico, da súa clarividencia, do seu entendemento, da súa distancia interior co réxime. Sabe que a arte non está ao servizo de ninguén, que pertence a todos e a niguén. Consíderase un covarde, un verme:
“al permitirle
vivir lo habían matado”.
É interesante a reflexión a que nos conmina o libro. Shostakóvich era un ser humano. Un ser humano calquera, non un heroe. E sobreviviu, esa foi a súa opción. Quen somos nós para xulgalo a el ou a outro calquera? Ninguén sabe como reaccionará ante determinadas circunstancias ata que non nos topamos de fronte contra elas. E ogallá iso non suceda.
Sen comentarios
Publicar un comentario