Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/08/16

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

Ledicia Costas posúe a palabra literaria, indiscutiblemente, e deixa moi claro -canto llo agradecemos dende o profesorado- que sen esforzo e traballo non hai nada, polo que combinando ambas armas é quen de agasallarnos con relatos coma este, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, publicado por Xerais,  merecente do Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil 2015.
Aproveita Ledicia para homanexear a súa cidade, Vigo, e o escritor de aventuras por excelencia, Verne, para nos presentar unha historia máxica na que acabamos crendo todo o que nos conta, tal é o poder que arrastra. No libro mestúranse os relatos de Verne, a historia real do seu paso por Vigo, xunto con outras historias reais refrendadas por artigos xornalísticos -o coñecido industrial metalúrxico Sanjurjo Badía é un dos personaxes-, co maxín sempre fantástico da nosa autora para facernos case rematar a lectura e marchar ás illa Cíes na procura das mulleres planta, grazas por suposto á ramificación intensa do libro que non deixa que ningunha póla abanee sen a dirección correcta. Unha dirección, por certo, a da escrita de Ledicia, que sabemos que camiña xa sen pausa cara ás estrelas -non podemos pensar doutro xeito visto o visto cos seus libros-. Porque consegue, asemade, a mestura do real co fantástico, a dúbida do lectorado ante situacións imposibles ou non, e mesmo a emoción intensa no medio da fantasía. Unha fantasía que é a maxia da estirpe feminina protagonista das raíces do libro, unhas raíces que afondan xa na nosa experiencia lectora para permanecer.
De agasallo, frases coma esta:
Porque hai viaxes das que nunca se volve por completo, travesías nas que deixas unha parte tan importante de ti que pasas o resto da túa vida recordando iso que che falta. Recórdalo cos golpes das avelaíñas contra o cristal dos candís de aceite, co paso vacilante dos serenos a altas horas da madrugada, cos bicos furtivos que dous amantes intercambian ao final dunha rúa escura (...). Recórdalo co bruído do mar cando é inverno (...) con esa luza acendida no alto dun edificio, coa herba cando é verán e a brisa decide poñer a proba a súa elasticidade, peiteándoa sen piedade. (...) en atreverse e gozar con total entrega da marabillosa e fascinante aventura de vivir.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.