Gustoume moito esta proposta que nos fai Manuel Gago a través da editorial Xerais: O anxo negro é unha novela que mantén ao lectorado pegado ás súas páxinas mentre é capaz de debuxar con precisión todo canto alí se conta. Unha novela de aventuras arredor dun roubo dunha figura relixiosa que nos leva a percorrer a Costa da Morte e outros lugares fóra de Galicia e que nos leva a preguntarnos canto de realidade e canto de ficción hai na historia. E aínda que esta engancha, como dicimos, e é verídica, como xa dixemos e como podemos comprobar nas diferentes críticas que lemos da novela, o que máis chama a atención é a espectacular sabedoría do comportamento do noso rural que desprega o autor, coñecedor da nosa alma máis profunda e que demostra unha e outra vez nas páxinas do libro, deixando claro que estamos case ante un antropólogo de noso e que sabe ben as reaccións das persosas que pululan e viven no noso país. Ademais, como gran coñecedor do noso patrimonio, describe tan ben o mosteiro onde supostamente teñen lugar os feitos que cando estamos a ler a novela pretendemos coller o coche saír disparados a ese lugar, para coñecelo e revivilo por nós mesmos. Se ata o buscamos en Google sabendo que é un divertimento do autor!!! Mágoa que non exista realmente, porque o mosteiro de Cereiro pasa a ser noso inmediatamente. Déixanos moi claro o autor, e supoño que tamén estaba como meta na súa mente ao escribir a novela facelo, que o patrimonio galego está infravalorado -pois claro!- e que debemos reivindicalo e coidalo como nunca se fixo, xa que nin inventariado debe estar. De fondo, asemade, a arte popular galega como reivindicación cultural.
Esta novela social e histórica, de patrimonio e de aventuras, deixa tamén un oco para sentimentos e mesmo para algunha bágoa. Imposible non remexerse no asento cando lemos a Xenoveva e entendemos a dor da nai e a man tendida da veciña; imposible non perder o alento con curas e demais membros eclesiásticos que nada respectan fóra de si memos. E que caramba, a novela tamén chega ás nosas terras do Deza, así que aínda lle collemos máis cariño!!!
Sen comentarios
Publicar un comentario