Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/08/16

Río negro

Arnaldur Indridason xa o fixera en La mujer de verde e agora faino en Río negro: denunciar a violencia de xénero; neste caso, fóra do ámbito privado, baixo unha forma social de violación que semella consentimento acudindo ás drogas. De aí, que o libro se faga tan interesante e se lea deseguida. Iso si, aínda que a editorial RBA indique que forma parte da "Serie Erlendur Sveinsson" este non aparece en ningún momento para lle dar protagonismo á súa axudanta, Elínborg. Unha muller para solidarizarse co sufrimento das mulleres vítimas. Ademais, o libro fainos partícipes de problemas cotiás aos que nos debemos enfrontar, como é o caso de termos fillos adolescentes coa súa rebeldía, da internet e os seus perigos para eles e elas, das interminables xornadas laborais... poñéndolle un acento friki co seu gusto pola comida india -algo que por outra parte axudará a resolver o asasinato-. De lado, a trama típica dunha novela negra onde hai un asasinato e debe resolverse, así que teremos moitas personaxes, complicacións e interrogatorios. Pero, xa digo, a min impórtame sobre todo polo maltrato e a violación, é dicir, pola denuncia que se fai, o que o converte nun libro recomendable para o meu club de lectura. E porque conta co estilo deste autor, un dos meus preferidos.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.