Un "bravísimo" para Xosé Monteagudo por esta novela que publica Galaxia: Todo canto fomos tívome fascinada dende a primeira páxina ata a última, e coido -coidamos- que vai colleitar moitos premios. Un monllo de personaxes e situacións que nos van dando pistas das relacións que existen entre eles para rematar ao final nun tecido poderoso no que todo cadra, deixándonos ao lectorado unha serie de reflexións que impedirán coller un novo libro ata ter ben repensado este. De fondo, a historia da nosa Galicia durante todo un século, dende a emigración ata a República, a Guerra Civil, o fascismo, o bando perdedor... e sobrevoando todo sentimento humano complexo: o amor, a amizade, as conveniencias sociais, a desigualdade da muller, os prexuízos sociais... Si, pasearemos devagariño por moi diferentes escenarios e tempos, para comprender que unha familia pode ser o espello da sociedade de noso mentres percorremos un século enteiro de crequenas, para non facer ruído e non enterpecer unha lectura que nos ten atrapada nas súas liñas.
Interesantísimas as páxinas da nosa historia política nas que saberemos do Partido Galeguista e do alzamento fascista en Pontevedra, pero tamén lembraremos a ruptura social que supón toda Guerra Civil, crueldade entre irmáns, e a traxedia que isto supón.
Unha gran novela. Lin que era a mellor do ano, pero aínda queda moito ano por publicar. Non dubido, iso si, que é do melloriño que teño lido nos últimos tempos.
Sen comentarios
Publicar un comentario