Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/08/16

(Tras)lúcidas

(Tras)lúcidas. Poesía escrita por Mujeres (1980-2016), en Edición de Marta López Vilar e publicado por Bartleby é unha antoloxía moi boa que, como en toda antoloxía, hai poemas e poetas que nos gustan máis ou menos, pero que é moi recomendable para coñecer moita poesía actual, en concreto 29 voces, as de Carmen Camacho, Esther Muntañola, Carmen Garrido, Ada Salas, Leire Bilbao, Ariadna G. García, Miriam Reyes, Nuria Ruiz de Viñaspre, Cristina Morano, Aurora Luque, Lola Nieto, Begonya Pozo, Yaiza Martínez, Martha Asunción Alonso, Guadalupe Grande, Sofía Castañón, Vanessa Pérez-Sauquillo, Erika Martínez, Rosana Acquaroni, Isabel Bono, Josefa Parra, Laia López Manrique, Susanna Rafart, Miren Agur Meabe, Olga Novo, Sandra Santana, Esther Giménez, Lucía de Fraga e Esperanza López Parada. Como di a antóloga, a "temible elección" foi "longa e complicada" e acota dende as que comezaron a publicar nos anos 80 ata a actualidade. Unha antoloxía necesaria porque o canon poético segue a ser, por desgraza, masculino (será que quen o fai é un home?) aínda que como di López Vilar esta antoloxía o que fai é outorgar o lugar que se merece a boa poesía, escrita por home ou muller, pero neste caso, e de momento, cómprennos que sexan as voces de muller as que ocupen espazos para seren coñecidas e recoñecidas. Tomemos conciencia de que o ámbito da cultura non foxe, aínda, do machismo e debemos recuperar baleiros con proxectos coma este na procura da equidade.
O bo tamén desta antoloxía é que é aberta, que non se pecha a ningunha poeta en ningún grupo específico. Son poetas novas -unha das premisas desta antoloxía- que mesmo nos amosan os seus poemas inéditos. E así gozamos coa riqueza poética (en todas as linguas) dun libro aberto que moitas veces chega a beliscarnos e outras veces mesmo nos pode deixar indiferentes. Eis a grandeza da poesía.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.