Encantoume esta proposta da editorial Salamandra na súa colección "Black": Yeruldelgger, muertos en la estepa de Ian Manook supón achegarse a un territorio descoñecido para min e aprender sobre costumes e paisaxes mentres avanzamos en investigacións e asasinatos. Mongolia vaise desprendendo das páxinas ata converterse nunha protagonista máis do libro, que se amosa agreste e sorprendente, e sobre todo contraditoria, xa que polas súas liñas iremos desbrozando un monllo de condutas amorais e criminais na convivencia dunha tradición arcaica e da tecnoloxía máis actual e por onde pasean coreanos, rusos ou nazis nunha mestura ben sorprendente. Un libro que conta con violencia explícita, en contra dalgunha tendencia da actual novela negra.
Yeruldelgger, protagonista e comisario, é -que raro!- un home cheo de tristura no seu corazón por unha perda. Algo que é territorio común en moitos dos comisarios da novela negra actual, por outra parte. E como home atormentado que é busca refuxio no seu traballo (outra sorpresa!). Iso si, el non repara nas maneiras de facer o seu traballo, empregando a violencia para chegar ao seu destino. Pero, por suposto, é un bo policía. Vemos, pois, moito territorio común. Pero ao seu carón hai dúas mulleres ben interesantes, sobre todo a da forense Solongo, unha persoa que sabe unir a tradición e a modernidade do seu país. Esta mestura é unha parte fundamental do libro xa que se nos describen esas inmensas estepas onde manda o costume e a vida de Ulán Bator, cidade inmensa onde pobreza e corrupción van da man.
O exotismo está asegurado, xa digo, pero o libro está ben escrito e paga a pena mergullarse nas súas páxinas.
Sen comentarios
Publicar un comentario