Chega un paquete. Só o envoltorio suxire a delicadez que hai detrás. E é que eu nin sequera sabía que existisen sobres con burbullas desta cor! Marróns e punto. Pero non, xa vedes:
A segunda sopresa que nos amosa o carácter da persoa que o envía vén ao abrir o sobre. Non só hai un libro dedicado, hai unha nota manuscrita nun sobre fermoso:
E xa o libro. Publicado por Apiario. De Dores Tembrás. Para que dicir máis?
Falamos de Auga a través, unha "plaquette" que a autora vencella a un documental "Os días afogados". E si, lendo os poemas (linos antes de saber isto) unha ten a sensación de estraño asolagamento, de lembranzas fuxidías que leva a auga, esa forza absoluta que con todo pode, aínda que nunca será capaz de levar as propias lembranzas, os sentimentos. Si o resto, o material, a impotencia da perda que permanece baixo esa masa de auga que pretende non deixar sinais, que procura un esquecemento imposible. Imposible porque aí está a poesía, a arte, o ser humano. Aí está a sensibilidade e a solidariedade da poeta, que procura no papel a dor externa para transmitila e que poidamos comprendela. Quere aquí Dores Tembrás converterse en papel transmisor, dar voz a esoutras persoas que puideron retomala no documental, dar forma poética á perda. Hai catástrofes que se poden evitar, outras non. Pero a esperanza detras de calquera delas existe, porque resulta inherente ao ser humano. En poucos poemas, Dores dálle forma a esa catástrofe e á esperanza.
Sen comentarios
Publicar un comentario