Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

10/09/16

Axente Riciños

Publica Xerais a deliciosa tradución deste libro de El Hematocrítico con ilustracións de Alberto Vázquez: Axente Riciños é en realidade unha nena, a nena máis curiosa, destemida e lista do bosque... e o seus arredores. Sexa o que sexa o que poida ocorrer, alí está ela, solucionando todos os casos dos contos clásicos que nos serán ben doados de recoñecer. Non terá que traballar para a policía, aínda que mesmo poderá ter un traxe de superheroína. O máis importante é que contra ela ningún "malo" está libre de castigo. E os contos poderán reescribirse. Chegará a se converter no terror dos personaxes que poboan os diferentes países e continentes dos contos clásicos, eliminando deles calquera ton edulcorado que os puidese envolver.
Axente Riciños, ilustrada, non é a típica nena doce-princesiña pero si será a nena xusta e espabilada que queremos ter ao noso carón. Coas ilustracións compartiremos á perfección a sorpresa de todos os personaxes de sobra coñecidos e a incredulidade que provoca que as accións que antes sabiamos finais agora non chegan nin a principiarse.
Unha divertida reinterpretación.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.