Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/09/16

Cepillo

Kalandraka publica este álbum de Pere Calders e Carme Solé Vendrell que foi Premio Lazarillo no ano 1981: Cepillo. Un conto que mestura o cotián e o fantástico, entre situación reais e personaxes reais veremos medrar uns feitos que cada vez máis semellan incribles. Tanto, que ao rematar a lectura pensamos: "poderá ser???" Porque entre o texto e as ilustracións conséguese de tal xeito ese mundo infantil contra toda lóxica adulta que todo é posible. Por que buscar unha racionalidade a todo canto nos rodea? Por que non permitir que ocorran feitos fantásticos ao noso arredor e cre neles? Unha vez máis, a Literatura infantil permite que o mundo dos soños estea en nós. Sempre, soñar.
 Debo recoñecer que son unha apaixoada do traballo de Carme Solé, a quen tiven a sorte de escoitar en directo nun cursiño en Santiago, e todo o seu traballo xa conta cos meus parabéns antes mesmo de abrir o libro. Pero non hai dúbida da súa xenialidade: estas ilustracións son tan detallistas, tan reais, que será moi difícil esquecer a historia porque na nosa cabeza permanecerá non só polo relato en si senón polas ilustracións que a acompañan.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.