Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/09/16

Lémbrome

Gustoume esta proposta que realiza Xurxo Chapela en Lémbrome, publicado por Edicións Positivas, e gustoume porque fixo que eu tamén exercitase a miña memoria e que lograse lembrar moitas cousas esquecidas ou ben gardadas no labirinto da memoria oculta; e ademais, moitas coinciden asemade coas súas lembranzas, o cal aínda conseguiu interesarme máis, xa que neste libro hai moito de lembranzas dunha xeración. Logo, cada individuo ten as súas propias lembranzas e as súas vivencias, e aí, por suposto, afastámonos. 
De estrutura elemental, repetindo constantemente a palabra "Lémbrome" coma un mantra. Ademais, vén con cancións de blues e películas de cine negro, moi presentes en todas as páxinas. Ao final, páxinas en branco para escribirmos nós (tamén no libro de Perec)
O autor explica que este seu libro existe porque leu "I remember" de Joe Brainard; logo veu George Perec e logo Mi ricordo de Mastroniani. A literatura como sucesión e herdanza, algo do que nos ten falado tantas veces Carlos Negro. De aí que vaia utilizar este libro nas miñas aulas. Un libro cheo de suxestións.
Si, lémbrome da lectura repetida unha e outra vez do "Capitán Trueno". Lémbrome de que me atropelou unha bicicleta porque ía cambiar os cómics ao comercio que estaba enfronte e tiña que cruzar a estrada" (así comeza a miña lectura memorística).
Convídovos a lembrar. Grazas, Xurxo.

 “Lémbrome de cando aínda estaba a salvo da vida” 
 “Lémbrome de cando a vida empezou a ir en serio”




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.