Aurora Ruá e Guridi son os artífices deste simpático álbum publicado pola Guarida: Álvaro Saltarín é un libro longo e estreito que nos amosa canto pode saltar -ou voar- un intrépido neno que ata trae un medidor para quen queira saltar moito e precise saber se chega a alcanzar os saltos do noso protagonista... e os sustos da súa nai. Pero se ata a letra do nome -na cuberta- voa!!! Iso si, voa máis alto ca un paxaro, para darnos unha idea do que nos imos topar dentro, que non é outra cousa máis que un texto sinxelo e divertido ideal para contar en voz alta, para gozar da lectura e da fantasía que esta nos proporciona.
Xunto co texto, unhas ilustracións que xogan á súa vez coas perspectivas e os tamaños do que nos ofrece, con planos xerais e detalles nimios, e sobre todo con moita alegría, alegría pintada e alegría compartida, porque o álbum déixanos cun gran sorriso debuxado na face.
Sen comentarios
Publicar un comentario