Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

17/10/16

Botas de lluvia suecas

A última novela do prezado e admirado Henning Mankell, Botas de lluvia suecas -publicada por Tusquets-, resulta unha lectura melancólica, que nos fai reflexionar sobre a vellice, a soidade, a hora da morte. O libro creo que resulta unha longa e pausada ollada á vida, esa que remata, que ten un fin que se achega inexorable, aínda que tamén amosa as ganas de vivir a pesar da idade avanzada, de namorarse e de sentirse querido, porque a soidade cando se vai vello é mala compañeira. E ademais, o autor quere tocar outro tema fundamental que planea sobre a vida e a morte: as relacións familiares e ata que punto poden ser necesarias. Queda claro que a melancolía, unha pausada tristura, voa entre as páxinas e logra que o lectorado se pregunte pola súa propia vellice -tamén dependerá da idade, claro está, deste-, pero ademais fai referencia unha vez máis a todas as preguntas que o ser humano se fai desde o principio dos tempos, ou sexa, quen somos en realidade, os erros que cometemos, ese desexo de volver atrás sabéndoo imposible... e sobre todo, tentar resolver aqueles erros que deixamos polo camiño antes de que sexa demasiado tarde. 
Tiven a oportunidade de escoitar a Mankell cando veu a Santiago, cando confesou que non sabía que falara o noso idioma e puido dar a súa conferencia en portugués. Foi un pracer e un honor estar alí canda el.




Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.