Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/10/16

Tres días y una vida

A última novela de Pierre Lemaitre que nos trae Salamandra é Tres días y una vida, un libro ao que queren encadrar dentro do xénero negro (para vender máis???) e que eu considero que non ten nada de negro e si moito de intimista, xa que o que nos proporciona o autor desta volta é un debate sobre a culpabilidade e todo o que conleva. Aínda que o tema é prometedor e a novela déixase ler ben, non é do mellor que nos ofrece, moi afastada de todos os seus libros que son realmente bos. O personaxe principal, ese que nos debe axudar a reflexionar, non acaba de empatizar connosco, e hai moitos momentos prescindibles onde semella que o nobelo enróllase máis e máis para non dar novas perspectivas. Porque á hora de desenmarañala non sentimos un particular interese por tentar que a culpa inerte ao longo dos anos no personaxe diminúa e desapareza, quizais porque non o sentimos cheo de vida nin achegado a nós, fáltalle alma, fáltalle mesmo corpo e presenza. E iso a pesar de que o argumento gusta, xa que o tema do rapaz irado e a convivencia nunha vila pequena dá de si; hai momentos bos, a presenza do mal que se estende no lugar, esa ollada incisiva ao veciño cando calquera pode ser culpable, ese destino que nos desalenta porque semella que non se pode loitar contra el... Por suposto, estamos ante un autor que domina a técnica, pero coido que con esta novela non alcanza a altura da súa outra non negra, Nos vemos allá arriba.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.