Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/10/16

Un monstro vén a verme

Ten o precioso detalle a editorial Kalandraka de nos ofrecer este libro na nosa lingua, un libro deses que, impepinablemente, é para todas as idades, e que coido será imposible que non vos guste. É unha auténtica fermosura! Cansei de chorar, miña nai!!! Estamos ante un libro que seica vai dirixido a adolescente... así que xa sabedes, adolescentes do mundo, a por el!
Estou a falar do libro de Patrick Ness Un monstro vén a verme, que está agora de moda porque hai película. Non sei como será o filme, pero o libro si paga a pena sen dúbida ningunha. Un libro emocionante sobre a perda, pero sobre todo como enfrontarse a ela, a aceptación da mesma e a consecuente esperanza.
Cando se comeza a lectura, e non se sabe nada do argumento, o libro semella que vaia ser unha fantasía terrorífica. Pero pouco a pouco vaise abrindo unha porta que conmociona ao lectorado, a da realidade máis crúa, aquela que nos sorprende a cotío, esa que quixeramos que non exisitese nas nosas vidas. Por iso, é imposible non vibrar con estas liñas. Porque a actitude deste neno protagonista e o monstro que necesita para sobrevivir forma parte de nós, de como enfrontarnos ás nosas propias situacións dolorosas. Por iso o libro é tan absolutamente fermoso, por esa mestura necesaria de ficción e soños, de realidade e fantasía.
Imprescindible.
A semana próxima, de cabeza ao club de lectura de 2º da ESO.
E para o alumnado de PMAR.
E para todo o centro!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.