Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/10/16

Xa non estou aquí

Sorprendinme a min mesma onte, mentres facía a comida, pensando as ganas que tiña de retomar esta lectura que está sorprendendentemente ben. Por que? Por que a sorpresa de que me enganchara tanto? Supoño que o mérito foi achegarme a este libro sen ningún tipo de información, agás a de ver a súa autora na entrega dos Xerais. Pero non me fixera ningún tipo de cábala, e iso é o mellor que pode suceder antes dunha lectura: achegarse sen referencia ningunha a ela. E foi unha gran sorpresa das boas, das moi boas, a verdade.
Estou a falar de Xa non estou aquí, de Iria Misa, publicada pola editorial Xerais despois de levar o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2016. Un libro que fala dunha desaparición dunha moza e que nos leva a procurar o motivo do seu desencontro social, na voz dela e asemade de quen a rodea, tanto familiar como amigos e amigas. E cun desenlace nada feliz, como temiamos dende un principio.
A voz da protagonista, Ánxela, deixa ver os seus desacougos e as súas esperanzas. Un retomar a súa curta vida que nos mete de vez na inseguridade dunha moza adolescente, o mundo das drogas e dos primeiros amores, a procura do pracer sen cuestionarse unha dubidosa moralidade social. Sobre todo isto sobrevoa a necesidade de pertencer a algún lugar, fóra da casa, fóra das aulas, fóra dun amor rompido.
O tema da moza desaparecida é moi actual, pero temo que sempre o é, debido á cantidade de desaparicións que se rexistran cada ano. Algunhas ocupan os medios durante un tempo, outras nin iso. Isto é o cerne da novela que temos nas mans. Daquela, é unha lectura que nos levará a unha reflexión, a unha lectura social que sei seguro que arrasará entre o alumnado. Porque falamos de límites, os límites que unha sociedade impón, os límites da tristura, da verdadeira amizade, da adolescencia, uns límites ben diferentes a aqueles que a sociedade adulta impón ou cre.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.