Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

25/11/16

25N: O poder da palabra

Miramos para atrás coa nostalxia que supón o tempo que voa. Comezamos o ano 2007: nove anos xa, nove anos de ilusión por este proxecto, nove anos de lecturas, nove anos en que as nosas vidas mudaron e se enriqueceron. Nove anos de compromiso. Nove anos de denuncia. Nove anos nos que asistimos impotentes a unha violencia que non cesa. Nove anos nos que tentamos educar en igualdade, na confianza de que o futuro poidamos construílo máis xusto. Nove anos nos que pretendemos empoderar as mozas que pasan polas nosas aulas.
Porén, asistimos con estupefacción a unha corrente oposta. Discutimos co alumnado e comprobamos como o mito do amor romántico, dan daniño, medra entre a adolescencia. Denunciamos canto podemos que o control non é amor, que os celos non son demostración, que a liberdade e a autoestima son a clave dunha vida plena.
Non desistimos. Tras nove anos, temos a mesma ilusión e o mesmo compromiso. Unímonos novamente para loitar contra esta lacra que non só remata coa vida de mulleres, senón que corta as ás de miles delas que, anónimas, deixan de voar.
Somos feministas porque procuramos a igualdade, único camiño da non violencia.
Somos feministas porque pretendemos a liberdade. Unha muller valente, unha muller alegre, unha muller viva. 
Por unha muller con poder sobre si mesma.



2 comentarios:

VR dixo...

Xenial

Anónimo dixo...

Fermoso. Seguide así.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.