María Solar convidoume a presentar o seu libro na miña vila onte á noite.
A nova no Faro de Vigo.
O texto da presentación:
En primeiro lugar, quero dar as grazas a María Solar por
contar comigo esta noite. Seguramente, debo confesalo, non chegaría a ler “As
horas roubadas” se María non me pedise que estivese aquí canda ela. Quizais por
prexuízos, quizais pola premura do tempo.
María Solar realiza con esta novela a súa primeira incursión
na literatura de adultos, pero o seu éxito na literatura infantil non nos deixa
lugar a dúbidas, xa que o seu libro “Teño
uns pés perfectos: un libro para ler cos pés descalzos” publicado pola
editorial Kalandraka, vén de entrar pola porta máis grande que se poida acadar
neste eido, xa que foi incluído na selección The White Ravens 2016, onde
soamente figura unha prestixiosa escolma dos mellores libros infantís e
xuvenís, conseguindo asemade que o
galego sexa unha das 42 linguas representadas, e destacando a organización que
María Solar aborda nesta obra un aspecto “tan novidoso e inusual como os pés,
dando como resultado un libro informativo e entretido”.
Pero imos coa novela.
A novela comeza en Santiago de
Compostela –é Santiago, podería ser calquera outra cidade posto que esta non
adquire protagonismo- no ano 1979, e xa
no primeiro capítulo estremecemos coa morte de Anselmo, un corpo derrubado na
súa propia cama que é atopado polo seu neto mozo, quen descobre ao mesmo tempo
que o seu avó ten nunha man un papel cunha frase “dime que me queres”.
E con esta frase teremos o
desencadeante da novela, xa que esta mensaxe encerra unha historia de amor
prohibida que case ninguén coñece e que iremos desfiañando, máis ben
desganduxando, ao longo do libro. Serán os protagonistas quen nos vaian
amosando que ocorreu con esta historia amorosa que consistirá en non esquecer e
en demostrar que o amor –aínda agochado- pode ser eterno.
Pero as páxina non só nos farán
partícipes dunha historia de amor, senón que con elas pasearemos por unha época
de cambios en España, a época da transición, época de cambios nunha sociedade
adormecida por unha longa ditadura, sendo testemuña dunha serie de mudanzas ata
entón impensables e que só serán permitidos polo paso á democracia. En
realidade, son estas variacións os protagonistas dos personaxes que nos
acompañarán polo noso paseo literario, dúas familias moi diferentes que están
intimamente relacionadas: o matrimonio de Lola e Antonio, que ten dous fillos,
unha parella que cre na liberdade, que son adiantados á súa época e que
pretenden divorciarse xa que consideran que en dous anos existirá unha Lei do
divorcio que llelo permita. Esta parella economicamente vive moi ben xa que
Anselmo, o pai de Lola foi un emigrante da Arxentina con moita sorte nos seus
negocios. Unha familia que é cualificada polos veciños como “hippie” por teren
como bastións a liberdade, o respecto e a tolerancia.
A outra familia nada ten que ver:
Damián e Rosa viven co xusto, teñen tres fillos e conviven con Carmen, a nai de
Damián, un home violento e controlador con toda a súa familia, pero sobre todo
coa súa muller, anulada por el desde o comezo do noivado, e que temerá
enfrontarse a unha situación familiar que nos resulta demasiado e penosamente
coñecida. O medo é o pan de cada día nunha convivencia onde a impotencia da
humillación semella imposible de resolver. Insultos, labazadas, vexacións… son
algo tan normal de tan repetido que case nin se cuestiona outra forma de vida.
Serán por tanto dúas familias opostas
as protagonistas desta novela case coral.
Falabamos ao comezo de amor. Dun
amor prohibido entre dúas persoas maiores que pouco a pouco iremos descubrindo,
xa que a vellice proporciona unha capacidade de espera inconmensurable: falamos
de amor tranquilo, de amor repousado, de amor que poderiamos denominar, mesmo,
sensato, pero que se sabe cun final demasiado próximo pola idade. Pero ademais
deste, hai outros amores que acapararán a nosa atención. O adolescente amor
impaciente, a descuberta do primeiro amor, as primeiras relacións sexuais, a
intensidade, os salaios e os soños... a carón do desamor, como parte elemental
daquel. Mesmo a incomprensión dun amor atado ás convencións sociais. Porque
falamos de democracia e liberdade, pero non tanto. Aínda hai moitas ataduras
que non son doadas de deslearse. O amor
vivido de diferentes xeitos segundo as diferentes etapas da vida. Tamén
poderemos analizar o amor adulto, ese que pode ser rachado coa rutina, ese que
se desgasta –ou non- pola convivencia, polos fillos e fillas, polo traballo,
polo día a día.
É doado revivir os anos oitenta con
moitos detalles que nos trae María Solar: as dúas canles da televisión, a
antena de cornos, as primeiras televisións en cor, os pagos a prazos, os
velorios, o desexo dunha lavadora... Calquera de nós sentará nun sofá de skai
nun salón con papel pintado de flores ou motivos xeométricos; veremos,
seguramente, o “Un, dous, tres” –ou, no meu caso, “La casa de la pradera”-
volveremos ver a tele en branco e negro (lembro aquelas tarde de “Heidi” nas
que saiamos a nado de tanto chorar para logo meu pai levarme ao casino para
gozala en cor), sentaremos arredor da mesa de braseiro…
Entrementres, os cambios sociais, os
cambios políticos, unha serie de momentos que resultaban aterradores para a
sociedade máis tradicional pero que eran degoirados por outro tipo de sociedade
que os necesitaba. Como analizar o papel da muller nesta sociedade cambiante?
Ten mudado moito este papel? Seguimos a ter unha sociedade patriarcal na que a
muller é mesmo unha escrava do fogar, que debe atender a familia, que non se
sente dona da súa propia vida? Unha das nosas protagonistas, Rosa, resulta un
exemplo de muller esnaquizada por amor. Por amor. Que doado resulta dicir esta
palabra cando deberiamos falar de anulación! Unha muller maltratada non é dona
da súa vida. Pero iso nin se cuestionaba. Como cuestionar a autoridade do home?
Pero... seguimos a vivir o maltrato nunha
sociedade que vén de evolucionar durante tantos anos para comprobar que a colectividade,
ao fin e ao cabo, non mudou apenas. Si, existe unha alternativa ao casamento, a
procrear. Existe? O que si segue a existir é a violencia de xénero. Segue a
existir esa sociedade patriarcal que María Solar amosa nas súas páxinas, unhas
páxinas situadas hai case corenta anos. Aínda que a novela remate cunha chamada
de esperanza. Quédanos a nós, mulleres do século XXI, a esperanza de
transformar esta nosa sociedade machista que nos dita un canon de beleza que
nos marca mesmo antes de nacer, que nos impide desenvolver unhas traxectorias
profesionais semellantes aos homes, que dota a unha parte da poboación de poder
acosar á outra parte polo simple feito de andar pola rúa?
De contino,
chegamos ao final dunha novela que se le de xeito áxil, doado, fluído. Nun
estilo sinxelo, a
historia lese soa e condúcenos a reflexionar sobre a importancia do noso propio
tempo e da nosa propia autoestima, ou sexa, da nosa propia vida. Por iso a
novela lémbranos que ante o medo, motivado polo que sexa, só queda a loita de
noso.
Sen comentarios
Publicar un comentario