Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/12/16

A caixiña dos rancores

O Premio de Literatura infantil e  xuvenil Raíña Lupa 2015 recaeu no libro de Héctor Cajaraville que vén de publicar Xerais,  A caixiña dos rancores. Vidas cruzadas. Un escritor que ultimamente semella ter a habilidade de levar todos os premios literarios do país, cando menos na LIX. 
A caixiña dos rancores é unha novela de lectura áxil, interesante, na que resalta a historia dunha amizade interxeracional e o cariño que esta promove. Unha novela de corazón, como nos anticipa a portada, onde un mundo por descubrir, agochado moitos anos, é o latexo que impulsa a lectura e a acción dos mozos, mentres lembramos historias reais que supoñemos foron inspiración para a novela. Esa especie de violencia contra familias humildes, contra nais solteiras, contra mulleres soas. Malia iso, resulta pouco crible a confesión e achegamento dunha señora da alta sociedade que non dubida nin un instante a contalo todo a dous adolescentes estraños. Esta parte, e algunhas páxinas que pecan de didactismo, coido, son as únicas eivas que presenta a novela. Unha novela que, creo eu, vai gustar entre a adolescencia (pronto o comprobarei).
O máis destacable é sen dúbida o personaxe da señora maior, Chiruca, o sarcasmo e o humor do que goza, un retrato ben feito dunha xeración que padeceu pola súa condición de criada pero que non garda rancor ningún á sociedade.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.