Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

30/01/17

Todo o tempo do mundo

David Pérez Iglesias é o autor de Todo o tempo do mundo, Premio Merlín de Literatura Infantil 2016, publicado pola editorial Xerais coas sempre magníficas ilustracións de Marcos Viso. Un libro que fala da soidade e do abandono da aldea, da vida do rural, pero tamén da crise e da emigración que provoca tanta tristura. Ler este libro significa escoitar a terra, poder poñer a nosa orella pegadiña ao noso país e sentir o seu rebulir; sentir outros tempos que esvaecen, sentir morriña, sentir a seca deste ano, sentir a desolación e a desesperanza. Ao mesmo tempo, coa lectura podreremos esixir a vinganza á  que a nosa natureza ten dereito, reclamar os valores tradicionais xa perdidos seguramente para sempre. Por iso este libro é valente e necesario.
Cando o lin, hai xa tempo, presentáronseme varias dúbidas. Non sobre o bo facer do escritor, porque aí non cabe ningunha incerteza, pero si sobre o tipo de público a quen vai dirixido e o premio que obtivo. Un Premio Merlín? Unha edición para rapazallada a partir de 11 anos? Así que antes de achegalo a este blogue, decidín darllo a varias persoas; primeiro, a dous adultos que viviron na aldea; pero logo, e a proba máis importante, foi darlla a un alumno que veño de descubrir este curso, que se declara fervente defensor do seu tipo de vida, o da aldea, e que non estraña ningunha posible vantaxe que lle puidera traer a vida urbana. Porén, este rapaz está en 3º da ESO, o que tampouco me permite sopesar se un neno máis pequeno tería a mesma opinión. Agora probarei, seguramente, cunha "urbanita".

Esta semana, Marcos Quintana Cuñarro tróuxome o libro. Encantoume!, exclamou. E pedinlle o seu comentario.  Velaquí:



Creo que non existen adxectivos para describir a magnífica novela escrita por David Pérez Iglesias, sen dúbida ningunha, a mellor novela galega que lin desde que teño memoria. Hai uns meses, lin Memorias dun neno labrego, pensei que ningún libro ía superalo. Pero peguei cunha pedra nos dentes, Todo o tempo do mundo superou por milleiros de quilómetros a Memorias dun neno labrego.
A historia narrada por unha meniña chamada Ariadna fainos remexer nos tempos antigos, na que moitas persoas deixaban atrás xente querida, recordos e amigos, só para buscar traballo e intentar saír adiante. Ariadna vai sufrir un cambio moi grande, o paso da cidade á aldea. O avó de Ariadna (Valente), é todo un libro, sabe de todo. Valente é un espello de moitos avós que viven na aldea, os avós da aldea!, coma eles non hai ninguén, eles saben de todo, coñecen todos os paxaros, todas as árbores e coñecen miles de historias que van pasando de xeración en xeración. Valente é todo un loitador, sofre polo mundo que el ve e seguirá vendo. Valente loita pola terra, para que as máquinas non sexan xefas do monte, do monte no que el ten xogado e vivido miles de historias.
Encantoume esta novela e recoméndolla a todos e a todas, para que sintades morriña da aldea antiga, na que un tiña e ten que traballar arreo para conseguir levarse algo á  boca, morriña desa xente que puco a pouco a vida os vai levando a outro mundo e para que sintades, sobre todo, morriña da nosa Galiza antiga.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.