Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/02/17

El camino de los refugiados

Irene López Alonso é a autora de El camino de los refugiados, publicado por Edelvives. Libro necesario que fala dun tema tan desgraciadamente actual como é o éxodo sirio na procura dunha vida mellor. O libro relata o camiño que deben percorrer na voz dun mozo protagonista, que se erixe en defensor da súa irmá pequena, inventando para ela un xogo para que sexa quen de aturar tanto sufrimento. Con esta familia viremos dende Siria, e chegaremos en barco ata Turquía a través de Latakia, gastando os cartos nas mafias que alí se aproveitan do temor ás bombas e ás guerras de quen foxe por non ter outra opción. Ao chegaren a Turquía serán oficialmente refuxiados. Ata entón poderían ser turistas. 
Aínda que o sufrimento que leremos céntrase nesta familia, ao seu carón os ollos do neno Nabil darán conta de canto hai arredor. E destaco a conversa que mantén cun señor que lle conta como está alí por unha promesa feita á súa esposa morta: a de salvar os fillos, a pesar de que un xa quedou sen pernas por causa dunha bomba.
Sufrimento. Esta é a palabra que define o que está a acontecer. O libro só é unha mínima parte de canto sucede. Non construamos máis muros. Non miremos para outro lado.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.