Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/02/17

Os nenos da varíola

Vén de me gustar, e moito, esta nova proposta que realiza María Solar a través da editorial Galaxia, Os nenos da varíola está baseada nun feito real, descoñecido para min, e que resultou ser de moito interese. Así pois, ofrécenos esta autora, unha historia novelada sobre un acontecemento que nos permite descubrir e respectar a vida e a miseria de comezos do século XIX, o amor e a entrega dalgunhas persoas que permiter que a humanidade avance. Non podería ser doutro xeito. Se a inmobilidade que protagonizan tantas veces relixión e estado fose o único posible, aínda estariamos situados na Idade Media. Porque este libro fálanos dunha xesta, dun enorme avance científico que desembou na desaparición dunha enfermidade, dunha lacra que, iso é o bo deste tipo de pestes, era democrática na súa matanza: daba igual que se fose rico ou pobre, a varíola atacaba e mataba unha de cada tres persoas. Así, na Europa do século XVIII, a varíola era o que anteriormente supuxera a peste; pero en América era moito peor, xa que mentres en Europa gran parte das persoas adultas estaban inmunizadas por teren pasado a enfermidade na infancia, en América provou unha auténtica hecatombe, xa que foi unha das enfermidades que lles levamos de "agasallo".
De aí xorde a necesidade de que se leve unha nova vacina para alá. E disto fala este libro. Disto e de máis cousas, claro está, porque María Solar constrúe unha narración que pon o seus intereses nuns nenos que viven na máis absoluta pobreza e soidade, feito que será o responsable de que sexan os escollidos para seren portadores da vacina: non hai peor soidade que a de que ninguén mire por ti. Estes nenos anónimos serán os heroes dunha epopea case descoñecida. O libro inventará a Ezequiel, un neno que todas quereriamos na nosa casa, un neno afouto e feito que aprenderá a ler en pouco tempo porque sabe que o acceso á cultura está ditaminado polas leis dos homes: só os poderosos teñen acceso a ela. E el non desaproveitará a oportunidade de topar o mellor refuxio na mellor catedral: a biblioteca. Desta volta, unha biblioteca científica que dará paso a que se poida falar asemade do motivo polo que se escribiu o libro: o invento dunha vacina (algo que non todos apoian por motivos ideolóxicos e relixiosos, ou sexa, incultos) e a súa utilización para rematar coa lacra da enfermidade.
Arredor da historia real tecerase estoutra historia, aquela con nomes reais e información veraz, esoutra con parte novelada e necesaria para manter atrapado ao lectorado (e non esquezamos que estamos ante un libro xuvenil) onde de todo hai, ata un amor platónico. E sobre todo, o que temos é a pintura da miseria, a verdadeira protagonista: un hospicio pobre onde sobrevivir é difícil e doloroso. E tamén teremos unha personaxe afouta que tenta ser avogada, xuíz e enfermeira (baseada na realidade). Esta mestura real-ficción está ben conseguida, abofé.
E como está, supoño, baseada en canto aconteceu, pouco se sabe do que alá foi, e isto constituirá a parte novelada que cada lector ou lectora pode perxeñar no seu caletre.
Moi recomendable.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.