Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/02/17

Rey de Picas

Aínda que está anunciada como novela negra, non creo que se axuste totalmente a este xénero, aínda que si deixa claro a súa mestría ao escribir, unha vez máis, a súa autora Joyce Carol Oates con Rey de Picas publicada por Alfaguara. De todo un pouco ten esta curta novela, aínda que coido que se debe destacar a sátira implícita que se realiza ao ego de escritores e escritoras (¡!), ao gusto pola fama e tamén ao medo ao esquecemento posterior. Logo, vén a novela de suspense e a dobrez do personaxe principal, un escritor que se amosa misérrimo e envexoso. Será no descubremento das características deste onde o suspense psicolóxico irá en aumento, de aí a súa denominación como novela negra. Resulta moi interesante esta dobre vertente do escritor que nos propón a autora: un home bo, case perfecto, que ten certa fama como escritor meramente correcto, e a dualidade: tamén é un escritor maldito que usa a violencia e morbo e mesmo as súas vivencias persoais. Isto é o que máis nos vai interesar polo traballo psicolóxico: que é máis importante, o desexo ou a ética, que vai primar, o ben ou o mal? Porque unhas veces acturará como o primeiro personaxe, un bo home, e outras será o malo que dá pé a ese escritor ruín. 
Oates deixa claro que ten oficio, e moi bo, diría eu. Sabe impregnar dun ritmo equilibrado á narración, estruturándoa en capítulos curtos  con estilo elegante. 
Non decepciona.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.