Unha máis que curiosa novela esta de Shirley Jackson que publica Minúscula: Siempre hemos vivido en el castillo é unha narración gótica de maldade maquiavélica que tardamos en descubrir. Certo é que toda a ambientación é realmente curiosa dende un principio, facendo partícipe ao lector da atmosfera opresora na que viven os protagonistas, xa que unha delas padece agarofobia e non sae da casa e a outra, a voz poderosa que nos conta todo canto acontece é... en fin, ata aquí podería dicir. E quedamos con esta voz, coa súa enerxía, coa seu retorcemento interior baixo a apacible face que maxinamos.
A novela ben podería estar disfrazada de conto de fadas: ten moitos elementos comúns; o castelo, a casa; a princesa... e o dragón. Pero este dragón será unha auténtica sorpresa e o argumento será absolutamente sinistro. A perversidade que se agocha consegue un auténtico bombazo cando nos percatamos da dimensión do drama que temos ante os nosos ollos, cando sucumbimos tamén nós a unha maldade que semella gratuíta.
E este tipo de maldade nunca deixa de sorprendernos.
Sen comentarios
Publicar un comentario