Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/03/17

La ventana de Kenny

Segue a editorial Kalandraka a agasallarnos cos traballos de Maurice Sendak, desta volta con La ventana de Kenny, escrito e ilustrado por el en 1956 e que nos transporta ao mundo clásico do autor, a esa non-fronteira entre soño e realidade e no que nos sorprende cunha fondura filosófica estraña no universo infantil, aquel que explora os medos, a soidade, as preguntas sen resposta, as inquedanzas da noite, a animación dos xoguetes. A fiestra, que dá título ao libro, é un elemento tan importante que serve de referencia e liña divisoria entre a realidade física e coñecida (o cuarto do neno) e o mundo descoñecido, o imaxinado, o que cómpre explorar, que se sitúa do outro lado da ventá. Ou sexa, deste lado, de quedarmos, viviremos o mundo real, e do outro lado, de decidírmonos a ir, teremos un mundo onírico que pode gustarnos ou non, pero da nosa capacidade de aventura depende. Pero a fiestra é tamén unha liña paralela que se atopa dentro do neno, a realidade e a fantasía camiñan da man e non se cruzan. "Que mira cara a fóra e que mira cara adentro? A ventá". Unha ventá que te deixa mirar o exterior, pero tamén o interior das persoas, mesmo pode servir de refuxio porque non sempre queremos saír a ese mundo descoñecido que pode ser perigoso.
A ventá de Kenny é a medida do mundo. Un mundo que desexamos, pero tamén o mundo que temos e que nos chega porque non nos cómpre máis. Temos o noso mundo interior, ese paralelo que ninguén máis ca nós pode explorar. Iso si, pode non ter fin. É o noso horizonte.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.