Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/04/17

Avións de papel

Dentro da colección Merlín da editorial Xerais podemos atopar esta Avións de papel de Xavier Estévez con ilustracións de Marcos Viso que foi finalista o ano pasado deste premio. Como conciliar mundos diferentes? Como superar dificultades sen axuda? Cal é o valor da amizade? Que entendemos por arte?
Hai moitos temas agochados tras estas páxinas que enganchan ao lectorado, e sorprende o final cunha lección graffiteira da arte urbana de Vigo; neste sentido, recórdanos a Reo, de Xesús Fraga, quen nos axudou a saber máis dese mundo. Quen pode discutir a día de hoxe que os graffitis axudan a facer as cidades máis fermosas? Que a arte urbana é arte debería ser indiscutible, pero hai voces que reclaman a súa destrución, coma no libro.
A amizade é o valor sobre o que sobrevoan todo o relato, unha amizade baseada no respecto ás diferenzas, na soidade procurada ou non polas circunstancias, marcada pola desgraza, pola lectura e escritura, e tamén pola importancia da educación e da escola.
Quedan algúns retallos mal pechados, para o meu gusto, pero o libro lese rapidamente, é quen de tirar algunha bágoa, de enternecer, de procurar asemade un sorriso. Só por isto paga a pena. E pola arte que pendura nas súas páxinas, unhe lene lección que se aprecia e que entra polos ollos da sensibilidade.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.