Unha amiga especial -ou guía espiritual lectora- agasalloume este libro mencionando o especial que é. E cando o comecei, quedei estupefacta, porque non tiña nin idea de a que me enfrontaba. Un ensaio? Un tratado sobre os polos? Pero vindo de onde viña decidín proseguir coa lectura (seguramente se non viñese tan recomendado tería a tentación de deixalo). E que ben fixen seguir! Hermano de hielo de Alicia Kopf (nome artístico de Imma Ávalos) publicado por Alpha Decay é un lugar de convivencia entre ensaio e ficción, entre metáfora e realidade, entre información e novela, entre amor e desánimo. Así que ademais da información que se nos dá na primeira parte do libro (a de ensaio) sobre aqueles homes que querían ir máis alá do coñecido para conquistar os Polos (Scott, Amundsen, Shackleton), os tipos de neve, as viaxes..., temos o relato autobiográfico dunha moza que vive, que loita por vivir e independizarse, que fala das súas relacións familiares e amorosas cun só eixo: o do seu irmán autista, sen facer que isto sexa protagonista nin dote ao libro dun manual de autoaxuda. O libro lembra a precariedade laboral, a dificultade da xente nova por ter un traballo digno, da emigración imposta, da crise: denunica social que tampouco é protagonista. A última parte, a súa viaxe a Islandia, é quizais a peor porque é unha crónica lineal que nada aporta á liña xeral.
O libro é pois unha novela diferente, que sorprende, que pode facernos preguntar que estamos a ler, que se afasta de calquera arquetipo. Por iso ten mérito. E por iso é recomendable.
E tamén, porque ter un irmán de xeo é un xeito doce de achegarnos a un mundo para tantas persoas descoñecido: o do autismo. Unha metáfora da sociedade na que vivimos, esta que conxela tantas veces os procesos de comunicación.
Sen comentarios
Publicar un comentario