Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/05/17

Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro

Xosé Mª Lema adapta a novela Costa do Solpor a unha novela dirixida á xuventude co mesmo título e cun subtítulo: Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro, publicada arestora na colección Fóra de Xogo da editorial Xerais. Unha novela de aventuras que elimina digresións históricas que ralentizaban a novela orixinal para conseguir arestora unha lectura máis áxil e arestora axeitada para a  adolescencia. 
O autor utiliza a técnica do manuscrito atopado presentándose como un tradutor deste. Nel, un escritor en lingua inglesa narra o regreso ao porto de Bristol da goleta Hispaniola, cargada cun fabuloso tesouro. Tal viaxe de volta non fora tan breve como a describira Stevenson no derradeiro capítulo d’A Illa do Tesouro, pois unha violenta tormenta obrigou o navío a buscar refuxio na nosa Costa do Solpor. Así que a novela comeza onde remataba esta gran obra.
 A acción desenvólvese en pé de aventuras na Costa da Morte, xa que o barco caerá nas mans dun pirata con moita sona de cruel e o seu socio, home de negocios que pasa por ser un home de ben na Coruña. Abordaxes, enganos, fuxidas, persecucións... sucédense para deixar tamén cabida para o amor.
Acción trepidante nunha novela de piratas  que deita un bo sabor de boca logo dunha travesía pola nosa marabillosa e ás veces descoñecida Costa da Morte. A quen somos de interior e pasamos algún tempo sen ver o mar, unha gozada pelexar a través destas páxinas cos "malos malísimos" que nos queren arrebatar o que é de noso, procurar tesouros e soñar.
 

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.