Achego a lectura da miña alumna Noa Villar, de 3º de ESO, do libro de Héctor Cajaraville publicado por Baía, Denébola a Roxa.
Denébola, unha rapaza con moitas ansias
de coñecer mundo e vivir aventuras, vese obrigada a ingresar nun convento de
clausura. Ela non está disposta a pasar
toda a vida entre esas catro paredes e, marcada pola superstición que se lle
asocia á súa cabeleira roxa, decide loitar por un futuro moito máis interesante
ca o que o seu pai tiña escollido para ela.
Ambientada no século XVII, amósanos as
dificultades e os retos aos cales a nosa protagonista se tivo que enfrontar.
Unha muller intelixente, áxil, brava e curiosa, sen ningún tipo de prexuízo e
que sabe que para lograr o que queres, tes que loitar para conseguilo. Denébola
ensínanos que os coñecementos e o saber nunca están de máis, que nunca te tes que deixar levar polo que os
demais digan e que debes aproveitar todas as oportunidades que teñas de cambiar
algo que non é do teu agrado.
Unha novela cuns personaxes únicos, unha
trama moi interesante e unha escrita
bastante sinxela. O que máis me gustou, sen dúbida ningunha, foron os
personaxes; o feito de que todos sexan tan distintos, e que as súas
personalidades se poidan apreciar segundo o xeito no que falan ou os actos que
realizan. Penso que unha das cousas máis complicadas nunha novela é lograr que
a forma de expresarse dos personaxes vaia acorde coa súa personalidade, e iso é
algo que o autor logra facer neste libro.
Recoméndolle esta a lectura a calquera
que queira pasar un anaco tranquilo, lendo, e sen pensar moito. É un bo libro,
pero quizais demasiado sinxelo para o meu gusto. É perfecto para ler en
momentos nos que non queiras mergullarte nunha lectura moi complicada e que
supoña moito esforzo.
Sen comentarios
Publicar un comentario